Anterga Teatro

As nosas raíces

As nosas raíces veñen dun camiño moi antigo, no que as pegadas quedaron soterradas: os nosos mitos, as nosas lendas, a nosa esencia. Escoitade as voces das devanceiras, forzas de antaño, impulso do que hoxe somos… “Anterga” é un proxecto que nace para recuperar o que nos fai ser nós, para reconectar co noso legado e para reivindicar a necesidade de parar o tempo e saír dos estándares preestablecidos. Espertar o sentido de tribu, dar a palabra a aquelas que lles foi arrebatada… Houbo un día en que quixeron chamarnos “marxinadas” e hoxe reclamamos unirnos para ser maioría, para deconstruirnos día a día. Se algunha vez sentícheste un ser pequeno nun mundo hostil, este é o teu lugar… Un espazo onde crer na maxia, na inocencia e nos soños. Un rinconciño onde a loita non se fai dende as armas, senón dende a imaxinación.

Porque toda crenza fracasada, toda liberdade queimada… Igual ca un fenix, é capaz de tornar en cinzas e renacer máis forte que nunca.

Que facemos?

teatro, audiovisuais, cultura…

Anterga Compañía de teatro

Teatro físico

Entremezclamos temática social e ferramentas do movemento xunto con outras disciplinas artísticas, como a máscara, o obxecto, a música, a danza, a performance ou mesmo as artes plásticas.

Rito como acto escénico

Ritual

Investigamos o fenómeno do rito como acto escénico a partir da nosa identidade cultural, ofrecendo experiencias inmersivas que propoñan un encontro máis interactivo co público.

Mediación cultural

Mediación cultural

Proxectos comunitarios que buscan apoiar e visibilizar ás artistas emerxentes e descentralizar a arte, levándoa a espazos non convencionais e ao entorno rural.

Compañía de Audiovisuales

Audiovisual

Servizos de creación de contido para artistas independentes ou entidades culturais, que busquen plasmar a súa marca, e exploracións cinematográficas que acheguen o teatro á pantalla dun xeito sensorial.

Talleres teatrales y formación

Formación

Obradoiros teatrais abertos a todos os niveis de coñecemento, co fin de espertar a curiosidade sobre o mundo das máscaras e as nosas investigacións persoais.

Anterga Artes Escénicas

Outras accións

Estamos abertas a todo tipo de propostas de escenificación, como eventos, encontros, etc. Se tes algo en mente, non dubides en escribirnos!

Cal é a nosa traxectoria?

relectura da tradición…

“Anterga” é unha nova compañía galega fundada oficialmente no 2026, centrada na exploración do corpo e na relectura da tradición dende unha perspectiva actual. A súa liña de traballo sitúase nun punto de encontro entre o teatro físico e a creación audiovisual.

O nacemento da compañía é a continuación dun proxecto persoal iniciado no ano 2025 polo seu creador Carlos Gallardo, que funcionou como fase previa de investigación e definición da súa identidade artística. Durante ese período desenvolvéronse procesos de exploración teatral arredor do ritual: naceu o proxecto comunitario Cabaré Ambulante, un laboratorio escénico que busca fortalecer o tecido cultural emerxente a través da creación colectiva e de dar un espazo físico para que as novas creadoras poidan expoñerse ante o público. Nesta produción, comézase a investigar sobre os rituais que definen á nosa cultura durante os cambios de estación, como foi o caso do noso “Ritual dos Corvos”. A finais de ano, a compañía embárcase nunha pequena creación: “Queixo e Marmelo”, un espectáculo que tenta concienciar á comunidade sobre a preservación das panxoliñas como tradición a través do clown, e comeza coa súa primeira produción oficial: “Psique”, unha retrospectiva do amor nas súas diferentes etapas temporais que busca reflexionar sobre os nosos patróns relacionais dende a poesía e a sátira.

Do mesmo xeito, iníciase unha liña de traballo formativo en escolas e centros sociais, adentrando á xente local nos mundos do teatro xestual e da máscara. É o caso da súa colaboración coa EMAE da Estrada, un centro municipal de teatro afeccionado que tenta achegar as artes escénicas a un alumnado interxeracional dende a paixón e o xogo.

Paralelamente, este percorrido segue outra liña no ámbito audiovisual, especialmente na creación de contido para entidades tales como Trópico de Grelos ou na realización de proxectos documentais para organismos como o Concello de Val do Dubra. Actualmente, a compañía está a dirixir unha creación na que pretende aportar os seus coñecementos teatrais: “Antrueido”, unha prosposta experimental que pon en valor as distintas tradicións do Entroido en Galicia e afonda sobre o seu contexto contemporáneo. Este traballo inflúe directamente na mirada escénica da compañía, tanto na relación co corpo como no uso da imaxe, configurando así unha linguaxe híbrida.