A súa traxectoria profesional céntrase nos mundos da interpretación, o traballo coa máscara teatral e a linguaxe cinematógrafica. Xa dende os 16 anos sente o desexo de atopar un punto de encontro entre as artes escénicas e as artes visuais, dirixindo as súas primeiras curtametraxes e tomando contacto co mundo do teatro.
En 2013, ingresa no Grao Superior de Comunicación Audiovisual en Santiago de Compostela, compaxinándoo coa Escola de Artes Escénicas Pábulo. Posteriormente, trasládase a Madrid para formarse na Escola de Mimo Nouveau Colombier, na que investiga disciplinas como a danza, viewpoints, método Suzuki, Decroux, etc. En 2018, completa a súa formación na Escola Internacional de Teatro Arturo Bernal para especializarse na pedagoxía Lecoq, baseada no teatro xestual e a máscara. Nese mesmo ano, funda a súa primeira compañía: Teatro Crudo. Nela, ademais de formar parte do elenco, encárgase do material audiovisual e publicitario da compañía. Durante este tempo explora o bufón contemporáneo e as estruturas postdramáticas con dous espectáculos: Yo, psicópata (2018) e CRASH! (2019). Con este último, explora tamén o teatro de rúa e percorre salas alternativas de Madrid.