Dirección artística

Carlos Gallardo

A súa traxectoria profesional céntrase nos mundos da interpretación, o traballo coa máscara teatral e a linguaxe cinematógrafica. Xa dende os 16 anos sente o desexo de atopar un punto de encontro entre as artes escénicas e as artes visuais, dirixindo as súas primeiras curtametraxes e tomando contacto co mundo do teatro.

En 2013, ingresa no Grao Superior de Comunicación Audiovisual en Santiago de Compostela, compaxinándoo coa Escola de Artes Escénicas Pábulo. Posteriormente, trasládase a Madrid para formarse na Escola de Mimo Nouveau Colombier, na que investiga disciplinas como a danza, viewpoints, método Suzuki, Decroux, etc. En 2018, completa a súa formación na Escola Internacional de Teatro Arturo Bernal para especializarse na pedagoxía Lecoq, baseada no teatro xestual e a máscara. Nese mesmo ano, funda a súa primeira compañía: Teatro Crudo. Nela, ademais de formar parte do elenco, encárgase do material audiovisual e publicitario da compañía. Durante este tempo explora o bufón contemporáneo e as estruturas postdramáticas con dous espectáculos: Yo, psicópata (2018) e CRASH! (2019). Con este último, explora tamén o teatro de rúa e percorre salas alternativas de Madrid.

No 2020, regresa a Santiago de Compostela e comeza a colaborar con Nauta, compañía especializada no traballo con máscaras e monicreques, realizando o seu primeiro deseño de luces para o espectáculo Gaia Baba e encarnando o papel protagonista da seguinte creación: Tacão. A partir de entón, convértese en actor fixo e comeza a coordinar a imaxe da compañía abarcando áreas como o deseño gráfico, a creación de contido e mesmo a difusión destes a través das redes sociais. Tamén dende a compañía, desenvólvese no ámbito do teatro comunitario con proxectos como Phōnē, unha rede europea que pon en valor as linguas minorizadas no marco escénico, ou a investigación sobre a identidade de xénero a través da máscara Tacón, subvencionada por EFFEA (European Festivals Fund for Emerging Artists).

Carlos Gallardo AntergaHover Image
Main ImageCarlos Gallardo Actor

Paralelamente, desenvolve o seu labor de iluminador para compañías como Straccciatella Teatro ou SÖA e traballa como asistente de dirección para algún espectáculo, como Estórias ao Lume da compañía portuguesa Krisálida ou O Corazón na Boca da FEGATEA, en coprodución co Centro Dramático Galego. Amplía os seus labores audiovisuais como deseñador de contido para festivais: o Festival Galicreques dende 2023 ou mesmo o XII Encontro Titiriteiro de Betanzos en 2024. Participa tamén como actor de improvisación teatral co proxecto de Comedia Imprevista e continúa a afondar na creación de contido a través do xénero do documental: a súa primeira experimentación é Together, un encargo que fai para Phōnē.

Dende finais do 2024, inicia o seu propio proxecto persoal para mergullarse nos seus coñecementos teatrais e cinematográficos, ao mesmo tempo que se forma en acrodanza, percusión afrobrasileira ou mesmo baile galego. Crea contido en rúa para entidades como a asociación Trópico de Grelos e a compañía francesa Monstres e comeza a súa relación laboral con Redeslla Comunicación coa elaboración de dous documentais para Val do Dubra este 2025: o das Feiras do Abril e o do XXX Aniversario da Escola Infantil. Ademais, comeza a súa traxectoria formativa con agrupacións e escolas de teatro afeccionado. Actualmente, anda na procura de explorar as orixes do rito coa dirección de proxectos como “Antrueido”, unha investigación audiovisual sobre o Entroido e as súas diferentes máscaras tradicionais, ou o “Cabaré Ambulante”, un laboratorio escénico que busca xerar rede artística emerxente. A súa traxectoria sitúase así nun espazo híbrido, onde o teatro e a creación audiovisual dialogan de forma constante ao servizo dunha linguaxe artística propia.