Violeta, escenografíaVioleta, escenografía

Escenografía

Violeta

Violeta é unha artista multidisciplinar cuxa práctica céntrase en explorar os límites entre ciencia, arte, psicoloxía, relixión, filosofía e espiritualidade, abordando cuestións existenciais e simbólicas que convidan a reflexionar sobre a relación entre a parte e o todo, e buscando a materialización do inefable a través da forma, o espazo, a pintura, o obxecto e o corpo. A súa formación en técnicas de laboratorio químico, escultura, dourado, prateado, policromía e psicoloxía da conciencia atravesa a súa maneira de entender a materia, o obxecto e a transformación dos materiais, que constitúen o eixo do seu traballo.

En 2023, o seu proxecto (Algo queda)(Máis do que parece) foi premiado cunha beca do Programa de Residencias Artísticas FMJJ/Normal, onde desenvolveu un traballo de investigación en torno á simboloxía, arquetipos e linguaxes visuais do tarot. A súa traxectoria inclúe a participación en proxectos colectivos como “Cabria” para Porto de Diego Vites, dentro da exposición Norte Agreste Silvestre (Galería Municipal de Oporto), onde aportou pinturas e esculturas, e na escultura colectiva Salto Cuántico para o CESGA en Santiago de Compostela. Así mesmo, participou en mostras de pintura como Empoderarte no Centro Cultural Lustres Rivas e BarbantiArte, organizada polo Museo do Gravado de Artes e a asociación Barbantia.

Paralelamente, amplía a súa práctica cara ás artes escénicas, participando como actriz no cortometraxe Lavadoiro de Ana Amado e Lois Patiño, e colaborando con Nauta Teatro (2022–2024) no deseño e construción de títeres e escenografía para os espectáculos “A Barca do Inferno”, “Treboada” e “Ephímeros”, integrando a súa visión plástica no contexto teatral e na creación de dispositivos escénicos. En 2024 ampliou a súa formación en cerámica con Nacho Porto, adquirindo técnicas e coñecementos sobre o manexo do material e a construción de pezas cerámicas.

Forma parte do proxecto Cabaré Ambulante, un laboratorio escénico orientado á investigación, á hibridación de linguaxes e á creación colectiva, dende onde desenvolve liñas de traballo vinculadas ao espazo, á performatividade e á creación visual. Actualmente atópase a desenvolver novos proxectos de investigación plástica, entre eles un traballo en torno ás máscaras do tarot, que explora os arquetipos, a viaxe do heroe e o camiño da conciencia. Esta investigación cruza simboloxía, materia e construción de imaxinarios, orientando á súa práctica cara á escenografía, ao obxecto escénico e á creación visual para escena.