A súa traxectoria profesional desenvólvese no ámbito da creación audiovisual, cunha especial atención á imaxe como ferramenta de documentación, memoria e posta en valor da cultura. A través do desenvolvemento de proxectos propios e de traballos con institucións públicas, constrúe unha práctica centrada no documental e na narración visual galega. No proxecto documental que se presenta a esta convocatoria asumirá as funcións de director de fotografía, operador de camára e o acabado final da peza, incluíndo os procesos de corrección de cor e achegando unha proposta visual coherente coa natureza e cos contidos do proxecto.
No eido da fotografía, traballou como foto fixa en curtametraxes como Compañeiros e “Adeus, Berta”, ambas producidas por Kraken Media, experiencias que lle permiten afondar na linguaxe cinematográfica e nos procesos de creación asociados ao traballo de rodaxe. No ámbito audiovisual, especialízase na gravación e realización de pezas documentais desenvoltas integramente en Galicia, fundamentalmente para concellos e institucións públicas. Os seus proxectos abordan a memoria, a identidade local e a cultura galega, achegándose a contidos de carácter histórico, social e patrimonial dende unha perspectiva próxima e respectuosa co contexto e coas comunidades retratadas. Entre os seus traballos, destaca a súa ollada nos documentais “100 anos de Pontecesures” (2025) e “Acordamos” (2022) para a Deputación de Pontevedra, ademais doutros proxectos documentais como “No hay atajo hacía ningún lugar que valga la pena” (2025) producido por Johnnie Walker. Estas experiencias permítenlle adquirir un coñecemento profundo do traballo documental de carácter institucional, asumindo responsabilidades que abranguen dende a captación de imaxe ata os procesos de acabado final.
A súa formación no ámbito audiovisual é fundamentalmente práctica e baseada na experiencia profesional continuada, desenvolta ao longo dos anos a través da participación directa en proxectos culturais. Este percorrido concédelle a posibilidade de consolidar unha sólida capacidade técnica e unha mirada autoral propia no traballo coa imaxe. Ademais, conta coa titulación oficial como operador de dron pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), o que lle permite incorporar imaxes aéreas aos proxectos audiovisuais cumprindo a normativa vixente e ampliando as posibilidades narrativas e visuais do documental.
Paralelamente, desenvolve traballos de creación audiovisual de carácter promocional para escolas, compañías e festivais das artes escénicas, colaborando con entidades como Nauta Teatro, Títeres Cachirulo, Magia en la Manga e o Festival Galicreques, completando así un perfil profesional versátil e especializado no ámbito da creación audiovisual cultural.