Multinstrumentista nada en Lalín que dende pequena amosou un interese especial pola música. Na súa vila natal foi onde realizou a formación musical académica no Conservatorio Profesional (2010-2019). O seu primeiro instrumento é o fagot, co que rematou o Grao Profesional tamén cunhas nocións básicas de piano. A súa formación co fagot foi tamén da man de numerosas aulas maxistrais con intérpretes recoñecidos internacionalmente (María José Rielo, Steve Harriswangler, Katarzyna Galka Raszka etc.).
A súa primeira Banda Sinfónica foi a Banda de Lalín (2013-2022), á que seguiron concertos de fagotista de reforzo en auditorios (Banda de Merza, Banda de Barro…) e certames nacionais (Vila de la Sènia), sen esquecer o seu paso por agrupacións populares a demanda en pasarrúas e verbenas (Banda de Silleda, Banda de Visantoña, Banda de Ponteledesma etc.). Por outra parte, a súa primeira orquestra sinfónica foi a Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, na cal continúa participando a día de hoxe (2015-actualidade).
Máis alá da formación regrada, a partir da adolescencia comeza a explorar novos instrumentos e xéneros musicais de maneira autónoma. Comezou ampliando os seus horizontes coas guitarras española e eléctrica, seguindo co baixo eléctrico, o clarinete, a trompeta e diferentes instrumentos de percusión, principalmente os tradicionais galegos como a pandeireta, as cunchas e a botella de anís. Xa combinando a música con outras artes, tivo diversas oportunidades de acompañar espectáculos de danza, teatro e/ou contacontos. Na maioría, con algunhas das agrupacións mencionadas anteriormente; e noutras ocasións improvisando e compoñendo grupalmente a música que acompañaba cada escena. Para rematar, é guitarrista rítmica do grupo de hardcore punk Eskravos dende 2022.